Tuesday 14 de May de 2024

Cubertas todas as prazas para as visitas a Navantia do domingo 27 de marzo


Para a terceira visita que terá lugar o domingo 3 de abril, o prazo de inscrición rematará ás 12:00 horas do venres día 1

Na mañá deste luns, cubríronse todas as prazas para as dúas quendas de visitas guiadas a Navantia Fene do vindeiro domingo, 27 de marzo. As persoas interesadas en participar nas visitas do día 3 de abril poden formalizar dende xa a súa inscrición (ata as 12.00 horas do venres 1 de abril). As visitas á zona JacketsWikinger e Hywind do asteleiro están organizadas pola dirección de Navantia coa colaboración do Concello de Fene.

As persoas interesadas en participar nestas visitas guiadas poden inscribirse:
– Por correo electrónico: enviando a ficha de inscrición -que se pode descargar na web municipal www.fenecidadan.gal- cuberta en todos os seus extremos, ao seguinte enderezo visitasnavantia@fene.gal. De optar por esta opción, teñen que agardar a recibir o correo de confirmación.
– Presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida de Naturais,44, entresollado dereita) en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:00 a 14:30 h.
As prazas, cubriranse sempre por rigorosa orde de inscrición.

Segundo informan dende o Concello de Fene, poden participar nestas visitas os menores de idade (sempre acompañados dun adulto) malia que, dadas as condicións do solo dos talleres, non poden empregarse carriños de bebé.
As visitas a Navantia Fene (zona JacketsWikinger e Hywind) teñen unha duración aproximada de hora e media. A entrada ao estaleiro faise pola porta das Pías, onde os/as visitantes deberán amosar o seu DNI. Ademais, no momento da visita, proporcionaráselles as EPI a empregar (casco, lentes de protección e chaleco reflector). Recoméndase vestir calzado axeitado, evitando o talón alto e zapato inestable ou esvaradío.
Queda prohibida a utilización do móbil no interior dos talleres e, de maneira expresa, tirar fotografías ou vídeos nestes espazos. Non obstante, si se poden utilizar os móbiles e as cámaras fotográficas nas zonas exteriores.
As visitas ás instalacións de Navantia Fene continuarán todos os domingos, até novo aviso, coas mesmas condicións e procedementos de inscrición.